Tuesday 14 de May de 2024

Melloras por valor de preto de dous millóns de euros nas estradas provinciais


A maior inversión vai para a estrada que une Coristanco e Santa Comba, onde se mellorará a capa de rodadura da DP 2904 ao longo de 10 quilómetros

A Deputación da Coruña, a través dos seus plans provinciais, investirá preto de dous millóns de euros no mantemento das estradas provincias.

A maior achega irá a parar a Coristanco e Santa Comba, onde se mellorará o firme da DP 2904 dende o punto quilométrico cero ata o 10 da estrada de Coristanco a Santa Comba por 719.038,45 euros.

Neste tramo está previsto renovar a capa de rodadura mediante o estendido dunha mestura asfáltica en quente e a adecuación das tapas de rexistro e sumidoiros. Tamén se aproveitará para realizar a roza e limpeza de maleza nas marxes do viario e beiravías. Tras as obras repoñeranse as marcas viais e volveranse pintar os pasos de peóns e outros símbolos.

Xa en Ferrol vaise renovar a capa de rodadura da DP 3604 de San Xoán de Filgueira a Catabois e da DP 3605 de Penas de Guitín a San Xoán de Filgueira; mentres que en Vilarmaior se intervirá na DP 5004 de Casal de Arriba á Feira do Tres. Ambas actuacións suman 211.271,57 euros e forman parte do plan de conservación deseñado pola Deputación.

No mesmo plan se contempla unha renovación da capa de rodadura da DP 1503 de Perlío a Lavandeira (PK 0,630 a 8,020) nos concellos de Fene e Cabanas.

Neste proxecto se contemplan obras para o despexe e limpeza de cunetas, beiravías e noiros por ambas marxes, así como a sustitución da sinalización horizontal e vertical e a colocación dunha barreira de seguridade tipo bionda. O custo da actuación ascende a 199.626,96 euros.

Máis seguridade en Oleiros cunha nova senda peonil
No concello de Oleiros realizarase unha intervención na DP 5812 co obxectivo de gañar en seguridade viaria. En concreto, dende Meirás ata o porto de Santa Cruz vanse mellorar as condicións de acceso a peóns coa construción dunha beiravía cun ancho de entre 1,5 e 1,8 metros no lugar de Abeleiras. Esta nova infraestrutura dará continuidade á senda xa existente en O Castro e aquelas outras que limitan co municipio de Sada. O proxecto iníciase no punto quilométrico 1,480 e discorrerá por ambas marxes ata o 2,890, alí continuará polo lado dereito ata conectar coas beiravías xa existentes no 5,940.

A senda executarase con mestura bituminosa separando a zona entre a beiravía e a plataforma cun bordo de formigón. Ademais, se executará a canalización para o alumeado público, a drenaxe cos correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros e reforzarase a capa de rodadura da estrada, mellorando tamén a sinalización horizontal e vertical co pintado e instalación de novas sinais. A Deputación investirá neste proxecto 340.377,43 euros.

Novas beirarrúas en Aguiño, Ribeira
Por último, no concello de Ribeira tamén aumentará a seguridade viaria e renovaranse os servizos ao longo de sete quilómetros da CP 7305 e no cruce coa rúa Carreiro cun orzamento de 464.877 euros.

Falamos dun tramo situado en zona urbana da parroquia de Aguiño. Co obxectivo de eliminar o estacionamento de vehículos na calzada, vaise implantar un único sentido de circulación cun carril de catro metros de ancho e unha banda de aparcamento en liña de 2,5, á vez que se implantarán varios pasos de peóns elevados. O tránsito peonil descorrerá por ambas marxes cunha beirarrúa de ancho variable construída con lousas de formigón de cores.

Por outra banda, executaranse dúas liñas de pluviais baixo cada beirarrúa, así como as acometidas para as vivendas existentes. Vaise canalizar a instalación eléctrica, o que permitirá eliminar a maioría de postes actuais.

Con todas estas actuacións, aprobadas xa en pleno, a Deputación da Coruña mantén o seu compromiso de conservar en bo estado a súas estradas e gañar en seguridade viaria para todos os veciños e veciñas da provincia.